Esta, espero, será a única entrada que escribirei como mestre, usando as miñas palabras e non as das miñas alumnas e alumnos. Con isto acabo de poñer a primeira pedra de moitas outras que a seguirán, pero esas pedras serán postas por todas e todos na nosa aula de 2º de primaria.
Como grupo aínda non temos un nome para o noso blog, nin tampouco unhas imaxes que o decoren, tampouco temos lectores, xa que non temos ningunha entrada -salvo esta- que se poidan ler... pero temos ilusión. Temos ilusión como mestre e como alumnos e alumnas de que isto funcionará.
A continuación uns comentarios sobre a filosofía e os obxectivos do blog.
Novas tecnoloxías e Celestín Freinet
Freinet foi un dos máis importantes pedagogos franceses -e do resto do mundo tamén- que desenvolveu a súa actividade docente ó redor da metade do século XX. Cos medios cos que contaba deseñou un sistema educativo e de actividade en clase nunca visto. Este sistema xiraba en torno ó texto libre, textos escritos voluntariamente e sobre calquera asunto por parte do alumnado e que, unha vez seleccionados nun entorno democrático, serían revisados e rectificados por todos os compañeiros e compañeiras. Cando se obtivese a súa versión definitiva publicaríase no xornal da escola, impreso e editado polo propio alumnado tódolos días.
Obviamente o sentido de crear un xornal diario de papel nos tempos que corren, coas características do entorno deste alumnado sería un anacronismo. Estas rapazas e rapaces naceron nunha sociedade na que o dixital vence ó tanxible. Para eles unha revista, un xornal ou mesmo a televisión son xa cousa dun pasado moi antigo. Os ordenadores, internete, os teléfonos intelixentes e as tabletas dixitais son o seu presente. Pero o espírito segue a ser o mesmo: comunicarse. Con isto, imos darlles a oportunidade de facelo.
Houbo un tempo no que Truman Capote non sabía escribir
E que queremos conseguir?
O construtivismo, como modelo educativo, procura que a aprendizaxe se realice por medio da acción. Aprender facendo. E facer un blog conleva aprender moitas cousas: pensar que dicir, escribilo, escribilo ben, comunicarllo ós compañeiros -que exercerán de equipo de redacción- o mellor posible para saír escollidos, identificar as posibles melloras, comunicalas, rectificar e publicar.
Pero isto non acaba aí. No camiño para descubrir sobre que contarlle a todo aquel que queira lernos faremos outras moitas cousas e aprenderemos aínda máis se cabe.
Todo parece difícil, pero as aprendizaxes, antes de facelas (claro), sempre son un desafío.
Participación no blog
Por suposto o blog é tamén unha forma de poñernos en contacto familias, profesorado, alumnado e o resto da sociedade; polo que calquera participación será ben recibida.
Só unha cousa máis...
Benvidas e benvidos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario